Presentación do libro: «Os apelidos do Concello de Verín», obra de Xesús Lantes Vitureira

15/05/2024 to 15/05/2024 20:00 - 21:00

O vindeiro 15 de maio teremos no SALÓN DE ACTOS, a presentación do libro «Os apelidos do Concello de Verín», obra de Xesús Lantes Vitureira.

Senopse: Os apelidos do Concello de Verín recolle o estudo filolóxico de máis de 1.000 apelidos, basicamente do concello de Verín e da comarca de Monterrei.

Responde a forma de ‘dicionario’ atendendo a tres aspectos:
a) Clasificación (topónimo, delexical ou antropónimo).
b) Etimoloxía (orixe lingüística da ‘palabra’).
c) Utentes (usuarios/as, número de persoas que portan ese apelido, clasificados por orde alfabética).
Pretende aportar algunha ‘luz’ sobre a nosa historia persoal, familiar e social. O devir histórico dos apelidos é a historia dos nosos antepasados. Nome e apelidos son aspectos importantes do noso ‘currículum’: confórmannos e infórmannos do que fomos e do que somos. Aspectos moi valiosos da nosa cultura.
A época, a xeografía, as clases sociais, a actividade económica… marcan o devir dos nomes e apelidos dunha determinada sociedade. Isto é un pouco o que quixemos artellar. Sen dúbida, un aspecto como o histórico está lonxe de poder ser articulado con detalle. Estamos dando os primeiros pasos nos estudos da onomástica galega.

Xesús Lantes Vitureira, imaxe Diario do Támega

Xesús Lantes Vitureira naceu en Xornes (Ponteceso, 1953), estudou o bacharelato no Seminario Menor de Compostela e na mesma cidade cursou os estudos de Filoloxía. Licenciouse en Filoloxía Hispánica no 79 e en Galego-Portugués no 80. Doutorouse en Filoloxía Galega no 1994 coa tese As subordinadas substantivas nexuais en galego. Exerceu a docencia no Instituto de Bacharelato ‘Xesús Taboada Chivite’ desde o curso 1981/82 ata o 2012/13, de xeito ininterrumpido. Desde o curso 1999/2000 compatibilizou o ensino no Taboada Chivite’ con aulas na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo no Campus de Ourense. Xubilouse en 2013.

  • Quick Contact

    Biblioteca Pública Municipal de Verín

    Avda. Portugal, 11 Verín , Galicia 32600 España
    Tel: 988413624 / biblioteca@verin.gal

© 2015_B.P.M. de Verín, Todolos dereitos reservados.