Presentación do libro «Onde o mundo se chama Servoi», obra de Francisco Xavier Pérez Álvarez

13/12/2023 to 13/12/2023 19:30 - 20:30

O vindeiro mércores 13 de decembro ás 19:30h. no salón de actos, teremos a presentación do libro «Onde o mundo se chama Servoi», obra de Francisco Xavier Pérez Álvarez.

Senopse: Pensar que o pasado nunca morre parece algo irrebatible e ineluctable. Todos e cada un de nós formamos parte dunha historia común da que ninguén pode lograr escapar. Nesta sucesión de historias de ideas entrelazadas xoga un papel primordial a memoria coa súa fame desmedida de lembranzas. A diferencia doutros lugares poéticos imaxinarios, o narrador ubica esta obra nunha paraxe real e concreta: Servoi, unha aldea que máis ca un conto, semella un reconto de anécdotas, avatares e lendas vinculados nun estilo prosaico, ás veces intimista, mais salpicado de personaxes reais e magnánimos de corpo e alma que paulatinamente van configurando a trama novelesca. Esta serie de relatos curtos é unha homenaxe, unha débeda aos poboadores dunha terra e un tempo que irremediablemente esmorece e xa é pasado. Para loitar contra ese río do esquecemento están as palabras imparables coma pedras que cruzan á outra beira: a beira dos recordos.

Francisco Xavier Pérez Álvarez, Servoi.1969, Licenciado en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, realizou os cursos de doutoramento no Instituto da Lingua Galega desenvolvendo varios traballos de investigación. En dita institución contribuíu a redactar o IV volume do Atlas Lingüístico de Galicia; Léxico. Ao mesmo tempo levou a cabo un
traballo de investigación sobre dialectoloxía galega no concello de Vilardevós, en varias localidades da raia galego-portuguesa. Asemade colaborou con varias reseñas en revistas de pensamento crítico como A Trabe de ouro ou Cadernos de Lingua. Participou no I Congreso Internacional de Lingua Galega no ano 1996 cunha ponencia sobre Lexicoloxía na Universidade do apóstol. No ano 2020 dá o salto á producción literaria coa obra Lembranzas dun vagalume de outono.

  • Quick Contact

    Biblioteca Pública Municipal de Verín

    Avda. Portugal, 11 Verín , Galicia 32600 España
    Tel: 988413624 / biblioteca@verin.gal

© 2015_B.P.M. de Verín, Todolos dereitos reservados.